Friday 03 de May de 2024

O CIM de Boqueixón elabora un documental con perspectiva de xénero con cinco protagonistas de distintas xeracións


 

Con motivo da celebración do Día Internacional da Muller Boqueixón reflexiona sobre a necesidade de impulsar cambios en materia de igualdade na nosa sociedade
Gloria, Josefa, Sesé, Paula Miranda e María son as protagonistas de ‘Tan distintas…tan iguais’, o documental que realizaron dende o CIM en colaboración co departamento de Servizos Sociais de Boqueixón. O obxectivo deste filme é fomentar a reflexión sobre a situación das mulleres nos distintos eidos da sociedade. Para conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, o CIM estreará o documental a través das redes sociais do Concello de Boqueixón e da páxina web do mesmo, www.boqueixon.com
A través de pequenas entrevistas cada unha das protagonistas aporta a súa visión de varios temas, como a educación, as súas situacións laborais, temas de saúde, o tempo de lecer, e reflexionan sobre os estereotipos de xénero que seguen vixentes na sociedade actual, e por suposto, falan sobre a violencia contra a muller. Gloria ten 93 anos, Josefa 77, Sesé 53, Paula Miranda 34 e María 16. As cinco mulleres pertencen a xeracións moi distintas, e iso marca a súa visión e a súa opinión, porén todas coinciden nun mesmo soño, que as mulleres acaden unha igualdade real e efectiva na sociedade.
Dende o CIM de Boqueixón explicaron que a realización deste vídeo busca dar voz ás mulleres para que sexan escoitadas e a súa aportación promova os cambios necesarios para eliminar todas as barreiras de xénero.
Outras actividades polo Día Internacional da Muller
Ao longo desta semana os nenos e nenas do servizo de conciliación Madrugadores tamén traballaron sobre a figura da muller coa realización dun mural conmemorativo, que agora está exposto na Casa do Concello, e tamén o grupo de maiores do Programa de Prevención de Dependencia manifestaron o seu apoio para visibilizar o papel da muller na sociedade.